// A EXPOSICIÓN
Ruth Matilda Anderson
Unha mirada de antano
Ao longo do tempo chegaron a Galicia xentes con outras linguas e culturas. De moitas conservamos as súas impresións nos seus textos, debuxos, gravados, pinturas e fotografías. Algúns perdéronse definitivamente. Grazas aos conservados sabemos como nos viron os outros. Entre eles, o arquivo fotográfico máis amplo e completo de imaxes de Galicia é o que realizou Ruth Matilda Anderson (1893-1983) entre 1924 e 1926 para a Hispanic Society of America en Nova York.
Fixo fotografías de gran calidade que acompañou dunha ampla documentación, conseguindo así reunir un repertorio exhaustivo sobre a cultura popular galega. Esta fotógrafa e etnógrafa deixounos en herdanza o relato visual dunha cultura que se perdía co relevo dos tempos e que agora podemos ver nós.
Ruth Matilda Anderson e a Hispanic Society of America
Tras ler a George Borrow en 1882, o novo Archer Milton Huntington (1870-1955) descubriu España e comezou a coleccionar libros, obras de arte e fotografías de tema hispánico. Na súa primeira viaxe á península ibérica en 1892 pasou por Galicia, país sobre o que máis tarde publicaría as súas impresións no libro A Note-book of Northern Spain (1898) e ao que dedicaría algúns versos en inglés froito da súa admiración por esta rexión.
Porén, a súa maior contribución foi a fundación da Hispanic Society en Nova York en 1904, na que investiu a inmensa fortuna herdada do seu pai. Ese gran proxecto cultural e educativo é o seu singular legado. Baixo as súas estritas directrices creouse un importante centro dedicado a documentar o mundo hispano cun extenso fondo de libros, obras de arte e fotografías. Huntington mesmo encargou a Sorolla, en 1911, unha serie de murais que ilustrasen a pluralidade da cultura española.
Archer Milton Huntington serviuse da fotografía como unha ferramenta máis para rexistrar a riqueza da cultura hispana e enviou as súas conservadoras e fotógrafas a España e América Latina. Entre elas sobresaía Ruth Matilda Anderson. Nacida en Nebraska, iniciouse na fotografía grazas ao seu pai, Alfred Theodore Anderson, que dirixía un estudio en Kearney. Logo de se formar como profesora, trasladouse a Nova York e estudou na Clarence White School of Photography, onde se graduou en 1919. Dous anos máis tarde comezou a traballar na Hispanic Society of America, onde pasou o resto da súa carreira profesional, primeiro como fotógrafa e logo como conservadora de traxes.
Durante os anos vinte, Anderson viaxou cinco veces a España. Entre 1924 e 1926 percorreu Galicia na procura das tradicións máis enxebres e realizou máis de cinco mil imaxes que anotou con sumo detalle. Anos máis tarde este material resultoulle fundamental para a realización do seu libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, editado en 1939 pola Hispanic Society.